Percebes como puños nun só click: desde Cedeira á casa

Unha web da vila comercializa o cobizado marisco, que grazas a Seur chega á nosa mesa coa calidade e o bo prezo garantidos.

M. Rodríguez | 28-11-2008 (Fonte orixinal)

Desde os cantís máis altos de Europa á nosa mesa: ese é o percorrido que fan os senlleiros percebes de Cedeira, que grazas a unha novidosa iniciativa poden viaxar con Seur para facer máis saborosas as nosas celebracións, e a bo prezo.

Páxina de benvida de dCedeira.com, coas paisaxes da fermosa vila e o marisco que ofrecen ata para agasallar Foto: dCedeira.com

dCedeira.com é unha marca comercial creada por un grupo de emprendedores desta fermosa vila coruñesa que fai de internet a súa lonxa particular, coas variantes implícitas a este cobizado marisco. O curioso é que non eran xentes do mar, senón distribuidores informáticos, pero decidiron desenvolver esta exitosa idea hai un ano, segundo nos explica o seu artífice Agustín González, "creando a nosa propia base de datos e dándolle unha imaxe á web, creando un carácter de marca que estea presente as 24 horas do día".

A acollida é inmellorable e para o Nadal avecíñase unha auténtica avalancha de pedidos, pero "o percebe está suxeito a vedas e dispoñibilidade e con iso traballamos", indica. Pero, ¿realmente merece a pena confiar en dCedeira.com e os seus prezos? Segundo González, "pásanos o mesmo que cos ibéricos en Estremadura, para os de fóra claro que é vantanxoso, porque ademais fas un pedido e entrégancho na casa: recóllese hoxe e mañá telo listo para cocer".

A iniciativa, que ten grande éxito entre as empresas, comeza a facerse un oco tamén nos fogares galegos e moitos internautas comezan a súa experiencia. "Para o cumpreanos da miña nai encargamos dous quilos de percebes, e dubidamos do que nos ían mandar, pero en menos de 24 horas chegaron e saltabannos as bágoas dos bos que estaban".

Escoitando testemuñas coma esta, González ve normal as dúbidas pero deixa claro que "o que nós pretendemos como empresa non é facer unha venda, senón un cliente e que repitan. Aínda que temos un posicionamento do percebe como un produto de luxo, eu digo que proben e seguro que repiten".

Calidade á materia prima desde logo non lle falta, e pode cociñalos calquera. Basta con auga, sal e loureiro e cando ferva a mestura botar os percebes retirándoos cando volvan ó punto de ebulición. Logo, a boa compaña e un viño de calidade farán o resto. ¡Bo proveito!